Monday 06 de May de 2024

Sábado cultural e solidario en Lousame con “A Viaxe de Rosalía”, “Cantajuego” e unha masterclass de body jump


O Concello de Lousame ten preparada unha programación moi especial para mañá sábado 24 de febreiro na que conmemorará o Día de Rosalía e albergará un evento solidario organizado pola Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH) e polo Club Pitufolandia para recadar fondos para a investigación das enfermidades ultrarraras.

A xornada comezará ás 12:00 horas na Casa da Cultura de Lousame co espectáculo “A viaxe de Rosalía”, unha produción de 45 minutos que combina monicreques de mesa e música para contarlle aos veciños e veciñas de Lousame as primeiras vivencias de Rosalía de Castro, que foron conformando a personalidade da que máis tarde se convertería na escritora máis recoñecida da nosa literatura. Trátase dunha produción interpretada por Larraitz Urruzola. A entrada é libre e de balde.

Pola tarde, a actividade trasládase ao polideportivo Pilar Barreiro Senra onde, a partir das 16:30 horas, terá lugar unha masterclass de body jump e o espectáculo “Cantajuego” para toda a familia. As entradas teñen un prezo de tres euros por persoa e poden adquirirse previamente en “O Recuncho das chuches” e “Gominoia” ou no propio pavillón.

A masterclass será impartida pola instrutora Iriana Beteta en quendas de 50 persoas. O body jump é unha actividade física que combina o salto en trampolín elástico cunha coreografía e que resulta apta para todo tipo de persoas. De feito, se a actividade gusta entre a veciñanza, estudarase a posibilidade de implantar o body jump como unha actividade estable en Lousame.

Paralelamente, os animadores Leño e Nana desenvolverán a proposta de “Cantajuego”, onde os nenos e nenas non terán que levar ningún tipo de material, salvo indumentaria deportiva. Esta iniciativa está organizada pola ASGPOH e o Club Pitufolandia, en colaboración co Concello de Lousame e a entidade El Show de los Payasos.